O comentario de texto é unha das tarefas que máis quebradizos de cabeza xera no Bacharelato — e tamén unha das que máis puntos pode dar na proba de avaliación se se sabe facer ben. O problema non adoita ser de coñecemento, senón de método: moitos alumnos escriben «o que lles parece» sobre o texto en vez de seguir unha estrutura clara que o profesorado espera atopar.
Aquí tes as claves básicas, tanto as que son comúns ás tres materias como as particularidades de cada unha.
Os catro pasos que non poden faltar
- Localización do texto. Autor, obra, contexto histórico/filosófico/literario e tema xeral. Un erro moi común é saltarse este paso ou facelo demasiado xenérico («é un texto filosófico sobre a vida»).
- Identificación da idea principal e as secundarias. Hai que distinguir claramente cal é a tese central do autor e que ideas a apoian.
- Análise e comentario propiamente dito. Aquí é onde se demostra comprensión real: relacionar o texto co contexto, con outros autores ou correntes, e argumentar (non só resumir).
- Conclusión persoal. Unha valoración crítica, non un resumo repetido do que xa se dixo.
Filosofía
O erro máis frecuente: confundir comentario con resumo. Non abonda con explicar «que di» o texto — hai que situalo dentro da corrente filosófica do autor e, se se pode, contrastalo con outra postura (por exemplo, enfrontar unha visión racionalista cunha empirista). A nota sobe moito cando se ve que o alumnado entende por que o autor di iso, non só que di.
Historia
Aquí o contexto histórico pesa moito máis que nas outras dúas materias. Antes de entrar no contido do texto, hai que situalo temporalmente con precisión (non abonda con «é do século XIX», hai que vinculalo cos acontecementos concretos dese momento). Outro erro típico: usar o texto só como escusa para «soltar o tema estudado de memoria» sen realmente analizar o que di o documento.
Castelán
A diferenza principal é que aquí tamén se avalía a forma: recursos literarios, estrutura, intención comunicativa do autor. Un erro moi habitual é identificar recursos estilísticos (unha metáfora, unha anáfora…) sen explicar para que os usa o autor nese punto concreto — nomear a figura retórica non suma case nada se non se conecta co efecto que busca.
Como traballamos isto na academia
Na Metodoloxía EVA non lle damos ao alumnado o comentario xa feito para que o memorice. Primeiro traballan eles un texto seguindo os pasos, e despois comparámolo cun modelo resolto para que vexan exactamente onde perderon puntos e por que. Así entenden o método, non copian un resultado.
Se o teu fillo ou filla ten que enfrontarse a comentarios de texto este curso e nota que lle custa máis o «como» que o «que», podemos traballalo con el nas clases de reforzo en Boiro ou Noia.
