Moi bo día a todos e todas, despois de crearvos expectativas o pasado mércores, hoxe anunciamos con moita emoción a nosa terceira edición do Campamento Educativo. Este proxecto é unha iniciativa que foi crecendo pouquiño a pouco ano tras ano e esta edición confiamos en que será un éxito!
Este ano, contaremos con dúas profesoras especializadas e con experiencia en anos anteriores (con posibilidade de ampliar a unha terceira segundo os alumnos anotados), polo que o servizo ofrecido será o mellor ata o momento. En función do número de alumnos, faranse grupos por idades para o momento no que estemos dentro da academia. Estes grupos terán continuo contacto entre sí, e en todas as actividades ao aire libre estaremos todos xuntos para favorecer a convivencia e distintas relacións sociais.
Como sempre, todas as actividades levadas a cabo estarán previamente organizadas e adaptadas a cada grupo de idade, seguindo todas elas unha finalidade principalmente tanto lúdica como favorecedora de desenvolvemento de habilidades. Desta maneira, durante todo o verán, os nenos e nenas irán adquirindo novas competencias ao tempo que reforzarán as que xa teñen, desde a mellora da expresión e comprensión oral e escrita, ata as habilidades físicas, sociais e emocionais.
Unha vez máis, mantemos a nosa identidade e os grupos serán reducidos para que así se favoreza a atención individualizada en función das necesidades de cada neno. É por iso que as prazas son limitadas, polo que todos aqueles que queiran asegurar xa a súa, poden facelo a través desta páxina web, no apartado de campamentos. Aí tendes toda a información necesaria, e se ainda así tendes algunha dúbida, sempre podedes contactarnos sen compromiso!
Aquí vos esperamos 🙂

